Saturday 27 de April de 2024

Turismo de Galicia e o Grupo Nove levarán a gastronomía galega a seis cidades españolas a través dun showcooking itinerante


A directora de Turismo de Galicia e o vicepresidente da Asociación Nove Grupo Gastronómico asinaron un convenio de colaboración para continuar coa promoción conxunta da gastronomía de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o vicepresidente da Asociación Nove Grupo Gastronómico, Manuel Costiña, asinaron un convenio de colaboración para a promoción conxunta da gastronomía de Galicia.

O acordo ten como finalidade continuar coa aposta da nosa comunidade como destino turístico gastronómico, promovendo e comercializando a gastronomía galega co obxecto de continuar potenciando a mesma como factor clave de reequilibrio territorial e de instrumento de difusión da excelente calidade dos nosos produtos.

A principal iniciativa enmarcada no convenio é a celebración dunha acción promocional en formato showcooking itinerante que visitará as cidades de Oviedo, Xixón, Santander, Zamora, Valladolid e Salamanca.

A cada unha destas cidades trasladarase un roadshow que situarase na localización máis acaída de cada un dos destinos para asegurar a masiva asistencia de público ás sesións de cociña activa, dinámica e participativa que se realizarán, exaltando a cociña de autor e os produtos galegos, con diálogos entre cociñeiros e participantes, nas que se procederá á preparación in situ e posterior degustación guiada dos pratos deseñados para a ocasión. Este tipo de evento conta con gran receptividade e aceptación polo público, acadando unha gran transcendencia a nivel social e cultural.

Esta unidade móbil, polas súas características técnicas permite unha rápida e fácil instalación en calquera ubicación e localidade, dispoñendo de espazos diferenciados -zona de degustación, aula multimedia, zona de atención personalizada, sala de reunións e zona expositiva- especialmente deseñados para un marketing de rúa, directo, achegando as propostas culinarias ao público a través dunha publicidade non convencional, interactiva, que foxe da tipoloxía clásica para avanzar nunha campaña de difusión e promoción máis experiencial.

Esta capacidade de transmitir a mensaxe de forma directa e dinámica posibilita un enfoque máis cómplice, participativo e fresco, brindando ademais a oportunidade de avaliar in situ as opinións, impresións e intereses do público, controlando e obtendo resultados reais, así como útiles bases de datos que serán de moita utilidade de cara a futuras accións de difusión e promoción.

A estes showcookings viaxeiros accederán as persoas que, por iniciativa propia, se acheguen á unidade móbil, pero tamén se convidará, en cada cidade, a profesionais da cociña, así como representantes do resto de asociacións ou grupos gastronómicos, autoridades e persoal do sector empresarial vencellado coa gastronomía e a alimentación en xeral en calquera dos seus aspectos.

Ao mesmo tempo, terán especial presenza os medios de comunicación especializados e xornalistas, escritores, blogueiros e plataformas de difusión relacionadas coa gastronomía en calquera das súas facetas, co fin de que cada acción teña unha importante difusión.

Os paneis e soportes audiovisuais completarán a experiencia con información sobre a técnicas, produtos e produtores, así como outros dos atractivos fundamentais de Galicia como destino turístico.

Folleto promocional e informativo
Xunto a este acto promocional, tamén no marco do acordo, se editará un folleto promocional e informativo que servirá de carta de presentación do Grupo, dos cociñeiros, dos restaurantes e da cociña de vangarda de Galicia, e conterá asemade outros recursos turísticos esencias da comunidade, de xeito que a oferta presentada sexa global e non unicamente gastronómica.

Este soporte divulgativo reflectirá, a filosofía do Grupo, transmitindo a idea de cociña galega moderna e de vangarda, de gran recoñecemento e prestixio, pero que segue mantendo un nexo de unión coa tradición e a despensa autóctona de Galicia como cociña de produto que é. Unha cociña que explora novos camiños sen renunciar á súa identidade e raíces.

Así mesmo mostrará os recursos turísticos dos que o turista pode gozar na súa visita a Galicia e que completan a experiencia do visitante.